Prinsenhof de Gante
- Para outros edificios denominados Prinsenhof en diversas localidades dos Países Baixos, ver a páxina de homónimos Prinsenhof.
Prinsenhof de Gante | |
---|---|
O Prinsenhof de Gante nun gravado de 1823 | |
Edificio | |
Nome inicial | Het prinselijke hof ten Walle |
Tipo | Palacio |
Estilo | Gótico |
Sistema estrutural | Patio cuadrangular rodeado de edificios |
Coordenadas | 51°03′33″N 3°42′57″L / 51.0592, 3.71574 |
Uso(s) | Residencia nobiliaria e outros |
Construción | |
Remate | Século XIV |
Demolición | Séculos XVIII e XIX |
Dimensións | |
Pisos | 2 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Prinsenhof (en galego: "a corte do príncipe") foi un edificio histórico, hoxe desaparecido, da vila flamenga de Gante, en Bélxica, que serviu de residencia nesta cidade para os duques de Borgoña desde o século XIV e para os condes de Flandres no século XV. Neste edificio naceu, ademais, o emperador Carlos V.[1][2]
O nome é unha abreviación da denominación flamenga orixinal: het prinselijke hof ten Walle (en galego: "a corte dos príncipes en Gales", polo nome que tiña naquela época o barrio en que se atopa).
Historia
[editar | editar a fonte]Este edificio substituíu o Gravensteen, fortaleza austera que xa non correspondía aos criterios de confort da época e non podía albergar a corte dos duques de Borgoña. O Prinsenhof dispuña de grandes salas con moita luz, un gran patio e varios xardíns. As primeiras construcións datan do século XIII, pero a cidade e os príncipes contribuíron a convertelo nun palacio moderno (para o século XV) de máis de 300 cuartos.
O Prinsenhof viña sendo utilizado polos condes de Flandres polo menos desde 1366. O lugar albergara anteriormente a residencia do financeiro italiano Simón de Mirabello (Van Halen). Filipe III de Borgoña, o Bo, que coñecía ben esta residencia por vivir nela durante a súa mocidade, fíxoa reconstruír de maneira total. Os rexedores de Gante participaron na reconstrución facendo desprazar a muralla da cidade, que pasaba preto, para poder ampliar os fosos do castelo ata os antigos fosos da cidade. Como estes últimos estaban conectados coas canles, podíase chegar ao castelo en barca, e así tomou o seu aspecto de illa palatina no medio dun lago artificial. Arredor do castelo construíuse unha nova muralla a partir de 1499. Na beira construíuse un pequeno palacio para acoller o zoolóxico ducal, rapidamente denominada Patio dos Leóns (het Leeuwenhof). Aínda estaba en activo no século XVI cando Carlos I de España e V de Alemaña, nacido no Prinsenhof en 1500, enviou catro leóns capturados en Tunisia, en 1535.
O palacio servía para acoller as festividades dos dous capítulos da Orde do Vélaro de Ouro que se celebraban na cidade. No século XVI foi alternativamente residencia primaria e prisión para persoas distinguidas e de boa posición social.
En desuso durante o século XVII, o palacio foi obxecto de transacción entre os carmelitas da cidade, que querían instalar alí a súa sede, e a Corte de Bruxelas. Os carmelitas acabaron conseguindo os edificios do zoolóxico en 1649. O resto de edificios foron abandonados durante ese século, aínda que algúns foron utilizados sucesivamente como cuartel, como corte para cabalos e mesmo como refinaría de azucre. Os restantes foron vendidos á cidade en 1776 e derrubados aos poucos.[3]
Estrutura do edificio
[editar | editar a fonte]O conxunto preséntase baixo a forma dun patio cuadrangular bordeado por tres dos seus lados por edificios. Un dos lados estaba composto por salóns cerimoniais, unha grande aula e unha capela palatina, entre outras estancias. Detrás da aula estendíanse dous pisos de cociñas e dependencias. Ao final do patio, dous pisos de galerías con columnas rodeaban o edificio principal. En fronte, o lado baleiro de construcións abríase en grandes fosos que lle daban ao complexo a aparencia dunha illa nun lago artificial. Nas beiras deste lago construíronse os primeiros xardíns, que máis tarde foron complementados por un bosque renacentista creadfo noutra "illa" ao pé do palacio.
O palacio estaba conectado á outra beira dos fosos por varias pontes. A ponte que apuntaba cara á vila, ao norte, acababa cunha poterna con torreón chamada Het Rabot, erguida en 1489, que servía como porta.
O actual barrio Prinsenhof
[editar | editar a fonte]O nome de Prinsenhof designa actualmente o barrio de Gante onde se atopaba o palacio, entre Gravensteen e o Rabot. A gran porta de arco da casa do barón Jean-Baptiste Bethune (1821-1894) na actual rúa Prinsenhof deste barrio é un dos poucos restos conservados das dependencias do antigo edificio Prinsenhof.
En Zilverhof, a ponte das Delicias Imperiais ou Keizer Karelbrug, deseñado polo cantante e escultor local Walter de Buck (1934-2014), conecta o centro do barrio co peirao de Santo Antón (Sint-Antoniuskaai). Desde esta singular ponte hai unha vista formidable do Rabot e no mosteiro dos Agostiños.[4]
Na rúa Abrahamsstraat está o edificio Berg van Barmhartigheid (Mons Pietatis), do século XVII, onde ata principios do século XXI se albergaban os arquivos da cidade de Gante.
Con carácter anual, na primeira semana do mes de setembro, celébrase a Prinsenhoffeesten, un grande evento sociocultural durante o que se desenvolve un popular mercado.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Tras las huellas del Emperador Carlos V en Flandes". En Elrincondesele.com (en castyelán)
- ↑ "Site van het Prinsenhof". En Inventaris.OnroerendErfgoed.be (en neerlandés)
- ↑ "Het Prinsenhof" (en neerlandés)
- ↑ "Prinsenhof y El Puente de los placeres imperiales". En Erasmusflandes.com (en castelán)
- ↑ Programa da Prinsenhooffeesten de 2017 Arquivado 07 de febreiro de 2018 en Wayback Machine. (en neerlandés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Prinsenhof de Gante |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Laleman, M. C. "Onderzoek in het Gentse Prinsenhof". En AVRA Bulletin 4, 2004 (en neerlandés)